A ninguén lle gusta que o interroguen. Porén, no marketing precisamos preguntar para entender. O problema é que, ás veces, a distancia entre un insight brillante e un dato lixo é simplemente unha pregunta mal formulada.
Un cuestionario debe ser como unha boa conversa: fluída, lóxica e respectuosa. Se estás a deseñar a túa próxima investigación, asegúrate de non cometer estes erros clásicos.

1. A orde dos factores si altera o produto
Non comeces pedindo o DNI. Un cuestionario debe ir do xeral ao particular. Comeza con preguntas sinxelas que xeren confianza e deixa os datos persoais para o final, explicando sempre para que os vas usar. A cortesía profesional ante todo.
2. Coidado coas “palabras trampa”
Termos como “monopolio”, “sempre” ou “nunca” cargan a pregunta de negatividade ou presión. Se preguntas: “Non está vostede de acordo coa subida do IVE?”, estás a empurrar á persoa enquisada a unha esquina. Busca a neutralidade. O dato máis valioso é o máis honesto, non o que che dá a razón.
3. Unha pregunta, unha resposta
É o erro máis común: as preguntas “dobre”. Se preguntas pola “limpeza e rapidez” dun servizo, e o cliente opina que é limpo pero lento, estás a bloquealo. Divide e vencerás: unha métrica por cada pregunta.
4. Non obrigues ao teu cliente a facer cálculos complexos
Sabes cantos litros de auga bebes ao mes? Probablemente non. Non pidas cálculos complexos nin esforzos de memoria heroicos. Se a pregunta é difícil de responder, o usuario inventará o dato ou pechará a páxina.
5. Menos é máis (moito máis)
Se inclúes preguntas “por probar” ou de recheo, estás a estirar o chicle perigosamente. Cada pregunta debe ter un obxectivo de negocio claro. Se non sabes que vas facer coa resposta, elimínaa.
6. O truco da terceira persoa
Para temas sensibles (hábitos moi privados ou potencialmente embarazosos), ás veces é mellor preguntar: “Que cre que fai a maioría da xente…?” en lugar de dirixirse directamente á persoa enquisada. A proxección axúdanos a obter respostas moito máis próximas á realidade.
Reflexión iuni: Un bo cuestionario é aquel que o usuario remata sen ter a sensación de ter traballado. E nin sequera abrimos o debate sobre a porcentaxe de participación, sobre todo en B2B, porque iso dá para outro post 😉

Queres profesionalizar as túas enquisas de satisfacción e obter datos que realmente impulsen as túas decisións de marketing? Descubre como en iuni podemos axudarche coa túa próxima investigación.



